Nova sede

Este sábado estreamos sede en Tragobe. Logo de 17 anos ocupando un baixo na escalinata de San Tomé, agora afrontamos unha nova etapa no departamento n.º 57 do porto de Tragobe, moi preto da lonxa, e fronte mesmo da nova nave de descarga de moluscos da Xunta de Galicia.


Lonxa. Porto de Tragobe, Cambados

Para que vos fagades idea de onde andamos agora, aquí van dúas fermosas imaxes da foto-xornalista Mónica Irago, tomadas dende Tragobe na pasada campaña da vieira:






A nova sede ten, coma todo, as súas vantaxes e tamén, os seus atrancos. E, se por unha banda gañamos en espazo dispoñible -mesmo para invernar as embarcacións-, por outra banda, é certo que imos botar de menos a escalinata, a rampla de varada e a praia de San Tomé. E, sobre todo, aos veciños deste barrio que sempre nos amosaron o seu cariño por coidar dos barcos vellos.



Vista da ribeira de San Tomé dende o antigo porto de San Tomé
 


Fronte a antiga alameda de San Tomé





Arranxando á Lola na praia de San Tomé. Detrás, a escalinata e o Asilo.

Acabáronse as xornadas de asar peixe logo de navegar e as parolas cos veciños que se achegaban por alí. Unha mágoa. Pero as cousas mudan, e nós temos que pensar na funcionalidade da nova sede: auga, luz, espazo para invernar os barcos, e proximidade do guindastre ou os amarres de Tragobe.

Imaxes para a nostalxia:



















Arranxos na Muller de Baboas. Varadoiro de San Tomé. Maio de 2015



En fin, pois este sábado ocupamos a nave coas dornas para comprobar o espazo dispoñible e sobre todo, para acometer os derradeiros arranxos antes de comezar a tempada de navegación. Este ano, todo debe estar listo para a inspección de Capitanía Marítima, que terá lugar nos vindeiros días, pero iso é outra historia que xa contaremos noutra ocasión.

De momento, aí vai unha escolma de imaxes da Nova Santa Sediña do Clube Mariño Salnés:







 





E, para finalizar, deixamos o enlace a Youtube onde podedes ver o video que se fixo para o festival Rumbo de Colisión, onde se fai un percorrido pola Historia do Clube dende a súa fundación alá no ano 1998.










Coma sempre, animámosvos a incorporar novos socios para navegar con nós.

ÁNIMO

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pinta, despinta, pega, e colorea