I Varada en San Tomé

Este sábado que ben, imos facer unha Varada de barcos tradicionais na praia de San Tomé, onde antigamente se varaban as tipoloxías máis abundantes no porto de Cambados: dornas mecas, dornas de tope, racús, lanchas do xeito e sobre todo Gamelas de Cambados.

Estas últimas eran unhas gamelas propias dun porto como Cambados situado no fondo da Ría, con moita seca e especializadas para o marisqueo a flote, se ben tamén se empregaban para a pesca con liña e as chamadas artes menores. Podían chegar até os 6,50m de eslora e aparellaban con vela latina con martelo.

A distribución de cuberta era semellante ás dornas, con tilla e cadeira, moi cheas de proa e afiadas na popa; se ben, o espello variaba en función das preferencias do armador. Pero quizás a característica principal era o quillote pronunciado para aguantar pano e evitar a deriva.

Na programación estaba previsto a botadura da recuperación dunha destas gamelas, desaparecidas dende os anos 50 do século pasado. Pero non vai ser posible, e teremos que agardar un pouco máis de tempo para rematar a construcción, que se fai baixo a dirección do carpinteiro de ribeira Pepe Garrido (Asteleiros Hijos de José Garrido_O Grove). De todolos xeitos, é un proxecto en marcha, e no que estamos moi ilusionados por devolver á vida unha tipoloxía de barco do que tan só temos a memoria, algunhas fotos antigas da Confraría, e a referencia en maquetas realizadas por Óscar Otero.

A Varada, que quere recrear imaxes do século pasado cunha visión de futuro, vai ter unha programación sinxela, pero combinada con outras actividades. O día foi escollido especialmente por ser o de “San Antonio”, patrón da Confraría de Pescadores de Cambados, e porque coincide moi ben coa marea.

A programación previa ten como referencia a tradicional Regata dos Faros do Grove, organizada polos compañeiros da Asociación Amigos da Dorna Meca.

Rematada a Regata, vaise realizar a travesía O Grove-Cambados para entrar en San Tomé, dar unhas voltas no interior da dársena, e de seguido varar os barcos na praia para ir comer as sardiñas donadas pola Confraría de Pescadores. Asarémolas alí mesmo nas grellas da Comisión de Festas de Santa Margarita. Os amigos da Escola de Teatro estan a preparar algunha sorpresa e tamén andarán por alí os membros do Obradoiro de Cultura Tradicional “A Volandeira”.

Xa despois, os que queirades, poderedes ir o concerto de TREIXADURA, que vai a actuar con motivo da festividade de San Antonio.

Estades todos convidados a agardamos que o pasedes ben. Vémonos no Grove e despois en Cambados.

Saudos a todos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

A Julicheira de voda

Nova sede