A Julicheira de voda
Esta fin de semana, a nosa dorna polbeira Julicheira, vaina pasar na terraza do Gran Hotel da Toxa, como estrela convidada dunha voda de alto copete.
Con tal motivo, onte quedou varada fronte ao Gran Hotel, co istmo da Lanzada a unha banda, e a Ría de Arousa na noutra..., que máis se pode pedir?
Vista exterior do antigo Gran Hotel da Toxa |
Imaxinamos que o sábado (día da cerimonia), os convidados ao enlace matrimonial fartaranse de quitarlle fotos; e o noso Miguel (contratado para atender a dorna en todo momento), explicaralles as características e a impronta desta tipoloxía de embarcación tradicional, tan senlleira da nosa cultura mariñeira.
Operación de varada:
Dentro das nosas posibilidades e coñecementos, pensamos que a Julicheira e o CMS, imos estar á altura das circunstancias para representar o traballo de conservación do patrimonio marítimo que levan facendo, dende hai anos, as moitas asociacións de cultura marítima da Ría de Arousa.
Desta vez, a Julicheira terá a responsabilidade de representarnos a todos nun magnífico escenario, onde persoas relevantes do noso Goberno (o memo Presidente da Xunta vai asistir ao evento), poderán comprobar a saúde e o traballo de conservación do colectivo da FGCMF por manter vivo un patrimonio que doutro xeito, sería tan só un triste parque xurásico da nosa cultura mariñeira.
E isto non é ningunha brincadeira, e se non fose por este esforzo conservacionista, as vellas embarcacións de madeira non se poderían ver máis que antigas postais, como lle pasou ao mesmo Gran Hotel, substituído por un adefesio acorde á moda do momento.
Disto...
e isto...
pasamos a isto:
En fin, que ao patrimonio marítimo galego non lle pase coma ao Gran Hotel da Toxa e dende logo, que non teñamos que ver cousas tan vergoñentas coma esta, onde a dirección do complexo hoteleiro da Toxa, "recomendan" aos empregados non empregar o galego por cuestións de cortesía cos clientes.
Digo eu, se poñen La Toja, porqué non poñen Hotel Loujo?
Ben, nós ao noso, a cumprir co noso papel de espallar a nosa teimuda aptitude de manter as cousas para que non se perdan no esquecemento, iso e o que vai tentar amosar a Julicheira esta fin de semana a esa parella de noivos, coa esperanza de que se retraten a carón da dorna e que un día os seus fillos vexan as imaxenes e pregunten:
-Que barco máis bonito, que é?
E os seus pais lles respondan, sen dúvida:
- É unha Dorna.
E, para rematar, imos nomear á Muller de Balboas para que non se nos poña ciumenta. E así está, no interior da nave, tan bonita coma sempre, agardando a que chegue a vindeira semana para regresar ao mar.
E máis nada, simplemente desexar aos noivos (María e Bruno) que sexan felices, que coman moitas sardiñas (que disque son boas para o corazón), e que lembren que, un día, os seus nomes estiveron a bordo da Julicheira, a nosa dorna polbeira, coa vela enchida de bos desexos.
Comentarios
Publicar un comentario